Monday 13 de May de 2024

Moeche abre o prazo de inscrición nas escolas deportivas municipais


De momento non se retomarán as escolas infantís

Pouco a pouco e con moita prudencia Moeche vai retomando a actividade sociocultural, que para este outono trae varias citas empezando polo comezo das escolas deportivas. Para ofrecer as máximas garantías o Concello reduciu os grupos a 8-10 persoas como máximo e, no caso de que haxa máis demanda, ofertará horarios alternativos para procurar que ninguén quede sen practicar o que lle guste. Tamén se acurtou un chisco a duración das sesións para ter tempo a facer as desinfeccións e para evitar a coincidencia das persoas que saian coas que entran na seguinte quenda.

As inscricións poderán facerse a partir do 1 de outubro a través da Sede Electrónica, mediante solicitude xeral, ou de maneira presencial no departamento de Deportes en horario de 9 a 14.00h. de luns a venres. Terán prioridade as persoas que xa asistisen ás actividades o ano pasado e tamén as que estean empadroadas en Moeche.

As clases comezarán o 13 de outubro e será necesario cumprir con toda a normativa preventiva, para o que se entregarán follas explicativas sobre as obrigas preventivas e sobre o uso das instalacións. De momento só arrancarán as escolas deportivas para persoas adultas con pilates, ximnasia de mantemento para persoas maiores e spinning, repartidas entre o pavillón municipal e o local social de Abade.

No caso das escolas infantís agardarase ata despois do Nadal e o seu desenvolvemento dependerá de que se poida garantir o cumprimento das normas recollidas no protocolo establecido pola Consellaría de Educación.

O cumprimento desta programación está condicionado polo número de solicitudes e, máis que nada, pola evolución da pandemia e as posibles restricións que poidan decretarse nas próximas semanas, razón pola que as actividades poden verse modificadas ou incluso suspendidas.